O Salón Internacional de Turismo Gastronómico celebra a súa 19 edición entre o 31 de xaneiro e o 4 de febreiro

A elección fíxose pública esta tarde no marco dun Fam Press organizado por Turismo Porto e Norte

 

Despois de celebrar a maioría de idade durante a súa última edición, Xantar afronta aos seus 19 anos un novo ciclo como Salón Internacional de Turismo Gastronómico volvendo ás súas orixes e primando ao país que é coprotagonista do evento e un dos principais mercados turísticos, Portugal. O país veciño será, por tanto, o invitado en Xantar 2018, que se celebrará en Ourense entre o 31 de xaneiro e o 4 de febreiro do próximo ano.
Esta elección de Portugal como país invitado foi anunciada esta tarde en Arcos de Valdevez no marco dun Fam Press  organizado pola Entidade de Turismo Porto e Norte, principal socio estratéxico luso do único salón internacional de turismo gastronómico de España. O anuncio correu a cargo do director de Xantar, Alejandro Rubín, que estivo acompañado pola directora de Turismo Porto e Norte, Isabel de Castro; polo presidente da Cámara Municipal de Arcos de Valdevez, Joao Manuel Esteves, e polo seu concelleiro de medio ambiente, Olegario Gonçalves. Tamén estaba presente o delegado en Xantar en Portugal, Antonio Garcia.
Portugal estivo presente en Xantar desde a súa primeira edición e foi aumentando progresivamente a súa participación tanto en número de restaurantes como de expositores ou visitantes, ademais da presenza de delegacións empresariais relacionadas co turismo e a gastronomía de distintas partes do país. A Entidade de Turismo Porto Norte é o principal socio estratéxico de Xantar no país veciño e facilita cada ano a participación de numerosas cámaras municipais lusas que acoden ao salón con caseta e organizan múltiples showcookings, catas comentadas e degustacións para promocionar o turismo de proximidade.
Espérase a masiva presenza de expositores, destacando na oferta da restauración da próxima edición, e de visitantes deste país, así como a representación da gastronomía e o turismo de todas as rexións lusas, peninsulares e insulares. Trátase dunha elección que ten un compoñente emocional pola unión que sempre existiu entre Galicia e Portugal, pero tamén estratéxica, xa que é o principal mercado emisor de turistas estranxeiros a Galicia. E ao mesmo tempo a Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal conforman un destino único cunha oferta enogastronómica de calidade para situarse internacionalmente.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos requeridos están marcados *

limpiar formularioPost comment