Xantar amplía a cooperación transfronteriza con Portugal incorporando a Castela e León

Hoxe celebrouse o día dedicado á provincia de Zamora coa presenza da directora xeral de Turismo de Castela e León. Tamén foi o día dedicado á provincia de Lugo, Viveiro, A Veiga, Esposende, Felgueiras e Vizela Ecourense, Consellería do Mar, Restaurante Condado Paradanta e a Deputación da Coruña, gañadores dos Premios Xantar 2020

Ourense, 08/02/2020.- A estreita cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal que marcou esta edición de Xantar ampliouse durante a xornada de hoxe á comunidade de Castela e León. As tres rexións comparten o mesmo tipo de recursos patrimoniais, enoturísticos e naturais e os mesmos condicionantes que lles achega a súa localización transfronteiriza, tal e como explicou o vicepresidente executivo de Expourense, Jorge Pumar, durante a súa intervención no acto central de hoxe: “ Xantar contribúe a que as entidades públicas e privadas concentremos esforzos e, baixo a fórmula da cooperación, podemos presentar un destino conxunto no noroeste ibérico moi competitivo e afrontar o reto demográfico, mediante o impulso ao sector do turismo gastronómico”.

Este sábado de Xantar foi o día dedicado á provincia de Zamora que contou coa presenza do presidente da Deputación provincial, Francisco José Requejo, que acompañou á directora de Turismo de Castela e León, Estrela Torrecilla, quen destacou a importancia para a súa comunidade de participar no único salón internacional de turismo gastronómico de España. Este sábado foi tamén o día dedicado á provincia de Lugo que estivo representada pola súa deputada de Turismo, Pilar García Porto; do concello de Viveiro, representado pola súa alcaldesa, María Loureiro; do concello da Veiga que contou coa presenza do seu alcalde, Juan Anta. Como é habitual, tamén o día dedicado a varias cámaras portuguesas como a de Esposende (representado polo vereador de Turismo, Sergio Manso) e Felgueiras (representado polo seu alcalde Nuno Fonseca), que levan 6 edicións participando ininterrompidamente e cada vez con maior presenza e tamén da de Vizela que, tras participar o ano pasado, volveu esta edición co dobre de superficie contratada e programando máis actividades promocionais do seu destino. Estivo representada polo seu alcalde Vitor Hugo Salgado.

PREMIOS XANTAR 2020

Durante o acto central deste sábado foron entregados os Premios Especiais de Xantar que naceron en 2014 para celebrar a concesión do Selo de Feira Comercial Internacional do Goberno de España. Mantivéronse desde entón e serven para recoñecer a aqueles expositores que presentan plusvalías á súa participación na feira ofrecendo sempre algo máis ou algo diferente aos visitantes. Os premiados desta edición foron:

Premio á Mellor Caseta Restaurante: Condado-Paradanta por presentar un menú completo e autóctono e promocionar un proxecto que conxuga enoloxía e turismo.

Premio á Mellor Caseta de Alimentación: Consellería do Mar. Por presentar unha nova caseta, por facilitar por primeira vez a presenza de pequenas empresas relacionadas cos produtos do mar e polos numerosos showcookings organizados con prestixiosos cociñeiros galegos e que promocionan os produtos de calidade do mar de Galicia.

Premio á Mellor Acción Promocional en materia de turismo: Deputación provincial da Coruña, por promover a participación das súas concellos organziando numerosas actividades que promocionaban os produtos locais e apoiar ás distintas escolas de hostalería.

Premio á Mellor Actividade relacionada coa saúde e o Medio Ambiente: Ecourense, por promover a reciclaxe de aceites e por promover a cociña de aproveitamento a través do taller “Zero Waste”.

Durante esta xornada foron entregados tamén os premios do X Concurso dos Carteis de Festas Gastronómicas de Galicia e Portugal. O primeiro premio foi para o Entroido de Xinzo de Limia; o segundo para A Campaña Sabores do Mar de Esposende e o terceiro para a Festa do Viño de Amandi de Sober.

ACTIVIDADES

Entre as actividades que tiveron lugar nesta xa cuarta xornada de Xantar destacou o showccoking impartido por Betina Montagne, mestra reposteira e xurado do programa de televisión “ Bake off” quen ensinou os segredos para crear a masa das auténticas “ cookies dough” americanas. Tamén participou hoxe o popular chef austriaco-portugués Thomas Egger que representou a Tabuaço. Arousa Norte tamén elixiu a xornada de hoxe para organizar un showcooking sobre os seus produtos autóctonos. Entre as degustacións ofrecidas hoxe destacou a do concello de Viveiro que presentou varios pratos elaborados con pescada de Celeiro e aproveitou para anunciar a Festa da Pescada, de Interese Turístico de Galicia e que se celebrará o 18 de xullo de 2020. A súa Semana Santa, de Interese Turístico Internacional, foi promocionada a través do Pan dos Apóstolos, sobremesa típica de Pascua en Viveiro. A Cañiza foi outro dos concellos que ofreceu esta xornada de sábado para promocionar o seu popular xamón e os seus viños.

Mañá será xa a xornada de clausura desta edición na que 298 expositores de 9 países presentan as últimas novidades en produtos autóctonos, de calidade, certificados e ecolóxicos.

¿Estás interesado en ser expositor de Xantar?

Podes ver máis información sobre as modalidades de participación como expositor en Xantar

Xantar é a única Feira Internacional de Turismo Gastronómico. Cunha traxectoria de 24 anos poñendo en valor os produtos agroalimentarios de calidade, a elaboración e o servizo profesional, tense convertido nun referente para os destinos enogastronómicos máis punteiros, tanto de España como de Portugal.

Séguenos

+34 988 36 60 30

info@xantar.org